Monday 13 de May de 2024

O BNG de Oleiros critica o triunfalismo improcedente, mesmo electoralista, das Administracións competentes trala recente apertura do túnel de Sol y Mar


Comerciantes e veciñas seguen a padecer a situación denunciada polo BNG con filtracións da auga, inundacións de fecais, cascallos amoreados nas vías públicas, situación perenne de obra e demais incidencias

Iván Roca, concelleiro do BNG en Oleiros: “Alén de que o carro segue a ser a única alternativa de mobilidade e após case 20 anos de idas e vidas coas infraestruturas e obras no Sol y Mar, con atrasos continuos, non comprendemos o triunfalismo dalgúns políticos. Fracaso é tamén que no ano 2024 a única mobilidade que se prime sexa, como sempre, a dos carros”.

Oleiros, 28 de decembro de 2023.- En abril de 2005 aprobouse unha orde de estudo para a obra chamada do “Sol y Mar”. As demandas xa viñan de vello, mais unha modificación do proxecto e unha posterior actualización e acomodación á normativa (e sucesivos atrasos na súa inclusión nos orzamentos do estado) provocaron que, ás portas do 2024, sigamos coas obras, as molestias, os alagamentos e toda unha fervenza de problemas para veciñas e comerciantes da zona.

A apertura do túnel que estaba prevista para finais de setembro, como moi tarde finais de outubro, tivo lugar o 22 e decembro, cunha euforia absolutamente incomprensíbel de políticos estatais e municipais cando, a escasos metros, os de sempre seguen a padecer as consecuencias das eivas do Goberno socialista do Estado.

Efectivamente, foi un día grande para reforzar a circulación en carro pola comarca como única alternativa para a mobilidade. Faltan todas as demais, que unha obra pública custosísima nunca contemplou. Como tampouco resolve en primeira instancia o que pedía (segue pedindo) a xente que vive e traballa na zona: poder vivir nunha zona máis humanizada e agradábel e non nun mar de buguinas e motores. Significativo, como síntoma da doenza, que outra vez máis a prioridade fosen os coches e todas as actuacións en superficie, que ao final son as que interesan á xente que vive e traballa aí, queden para unha segunda fase.

Problemas coas filtracións da auga, mellorar os pasos de peóns ampliando o que xa existe e que non permite que cruce polo mesmo máis que unha persoa, amañar as beirarrúas (tamén demasiado estreitas), proceder á retirada de todos os cascallos amoreados nas vías públicas, garantir que as filtracións que provocaron asolagamentos polo menos en dous comercios da zona non se repitan no futuro e que os arranxos non se limiten a simples parches, considerar a limitación ao paso de vehículos de tonelaxe e garantir a mobilidade peonil e de bicicletas, alén de evitar a contaminación acústica. Estas son algunhas das demandas trasladadas a varios membros do BNG de Oleiros, demandas que seguen absolutamente vixentes e así puideron comprobar máis unha vez con veciñas e comerciantes da zona.

No BNG de Oleiros xa estamos fartas dos atrasos de décadas en infraestruturas básicas para o concello e a comarca polas que levamos loitando con todas as nosas enerxías, infraestruturas que son responsabilidade de gobernos do PSOE ou o PP e que afectan gravemente a mobilidade como a Vía Ártabra, Sol y Mar, os camiños de ferro e o transporte metropolitano, sen esquecer a Ría do Burgo.
Ficaremos atentas a que sexan amañados (con atraso) e dunha vez todas os problemas que afectan a cidadanía de Perillo en particular e a toda a comarca en xeral. Demandamos ao Estado que simplemente cumpra cos seus compromisos.